


Hoxe quería facer unha pequena lista con suxerencias de libros para agasallar nestas datas entre os primeiros lectores. Ainda que na miña casa non hay nenos ou rapaces, penso que os títulos escollidos tamén poden resultar interesantes para lectores de maior idade.
Heidi de Johanna Spyri, un clásico da literatura europea asinado por unha das grandes representantes das letras suízas, e unha historia que moitos coñecemos grazas ao anime que dirixiu Isao Takahata, a outra metade do Studio Ghibli. Un libro que agora podemos gozar nesta preciosa edición ilustrada de Aira Editorial e que conta coa tradución de Patricia Buxán Outeiro.
Tamén especial este pequeno libro da colección Merlín de Xerais, na que se repasa a vida de Florencio Delgado Gurriarán, o autor ao que se lle dedicou o Día das letras galegas en 2022. Un libro que tamén contén poemas e ilustracións de Antía Antepazo, mentres que o texto corresponde a Héctor Cajaraville Araújo.
Dúas propostas que tamén merecen moito a pena son, O segredo de Caaveiro de María Antonia Quesada e Doas de nós de Ánxela Gracián, dous títulos que pertencen á colección Meiga Moira (lecturas para 12-16 anos) e podedes atopar no catálogo de Baía Edicións.
Outra desas lecturas imprescindibles, e que se converteu nun clásico, é O xardín secreto da escritora nada en Inglaterra Frances Hodgson Burnett. Unha historia que foi definida como atemporal, e como unha oda á infancia e á amizade. Tradución de Carlos Freire para Aira Editorial.
E non podía faltar un pequeno libro de J. R. R. Tolkien, que leva por título O Hobbit, e que neste ano cumpría o seu 85 aniversario, paréceme que non fai falta dicir moito máis porque está é unha desas historias que un non se cansa de recomendar e sempre é un acerto. Ademais esta é unha novela que podemos atopar publicada por diferentes editoriais, destacando a edición de Xerais en galego e a de Ediciones Minotauro en español.