Archivo por meses: marzo 2023

Recensión: A Faia de Ponto. Le roi de la Galice

Hoxe quero dedicarlle unhas liñas a un libro que me impresionou moi gratamente, xa non só coa súa lectura senón tamén ao follealo, e dándome conta de todo o traballo e o esmero posto neste artefacto poético ou libro obxecto que leva a firma de Alba Cid e Estevo Creus, que ten ilustracións da artista Maria João Worm, e que podedes atopar nas librarías grazas a aCentral Folque.

Obviamente os grandes protagonistas desta historia son Ponto, que foi rei de Galiza e de Bretaña. Ademais da propia faia, que ilustra a capa do libro, e é un elemento moi estreitamente ligado ao propio Ponto, trátase dunha faia que aparece no bosque artúrico de Brocelianda. Tamén debemos mencionar ao personaxe de Sidonia, quen non sabe se “ama porque espera, ou era ao revés?”, este é o interes amoroso de Ponto, e quen será a raíña de Bretaña.

En parte podemos afirmar que esta é unha obra que nace grazas a un romance medieval francés de finais do século XIV, o coñecido como “Ponthus et la belle Sidonie”, onde os recordos daquel antigo reino de Galicia mestúranse co artúrico. Mentres que a outra parte póñena os dous autores, tanto Alba Cid como Estevo Creus, que lle dan unha volta de porca a esta historia e desta forma traer ao presente estes mitos antigos da historia galega.

A modo de conclusión, gustaríame moito recomendar a lectura de “A Faia de Ponto. Le roi de la Galice” de Alba Cid e Estevo Creus (aCentral Folque), persoalmente paréceme que esta é unha proposta literaria moi interesante, e é algo moi especial atoparse con esta relectura poética deste mundo medieval habitado por personaxes tan fascinantes como son Ponto e Sidonia, un mundo medieval que pon en valor o legado daquel reino antigo de Galiza e a súa importancia na Europa do momento. Do mesmo xeito que tamén é moi interesante atoparse con dúas voces ben recoñecidas que se apropian dun relato como este, que xa ten un longo percorrido ao longo dos séculos, e fano cun estilo e unha sensibilidade propia de dous grandes nomes da poesía galega actual.