Recensión: A Culpa de María Solar

Moitas veces atopámonos con libros que exceden todas as nosas expectativas, ainda a pesar de que se trate dun título no que tiñamos moito interese por ter sido recoñecido co Premio Xerais de Novela, pero iso foi exactamente o que me aconteceu cando comecei a ler A Culpade María Solar (Editorial Xerais) porque este é un libro que che irá sorprendendo con cada capítulo, e nel atoparémonos coa vida mesma con todas as súas grandezas e miserias.

Esta historia constrúese sobre dous personaxes tan fascinantes como son os de Mirta e Marcela, personaxes do século XX, que nos mostran esa Galicia sen recursos nin oportunidades despois da Guerra Civil da que as nosas protagonistas só poden fuxir en busca de algo de paz e unha nova vida; pero o camiño que terán que percorrer estas dúas mulleres non será doado, e só tras a súa chegada a Arxentina empezaran o seu ascenso social no mundo do espectáculo.

Teño que dicir que me encantou o ben estruturada que está esta novela, as tres partes na que se divide dialogan entre elas, pero tamén hai un oco para crear algo de misterio arredor da trama. Empezamos con A herdanza, na que a través de Amanda coñeceremos o inicio de todo, cando un día recibe na oficina do banco a unha clienta tan singular como a señora Gondar, para logo descubrir que ela era a herdeira da sua fortuna. E seguimos con A culpa, un sentimento moi presente na parte central, esa que está narrada por a propia Mirta Gondar. Na parte final de A pel volvemos atoparnos con Amanda para pechar este círculo cheo de recordos e segredos.

Gran parte da historia está narrada pola propia Mirta, a modo de entradas nun diario que está datado entre os meses de marzo e maio de 2004, e no que se nos contan varios dos acontecementos que marcaron a súa vida. Isto é algo moi interesante porque nos permite achegarnos aos seus sentimentos e as súas vivencias en primeira persoa, pero tamén é certo que á vez mantén a Marcela como esa gran incógnita, que como lectores iremos descifrando co avance da lectura e tamén grazas ás indagacións de Amanda e Enric.

Como comentaba ao principio esta é unha novela na que o gran tema é a vida, pero tamén atopamos que se fala sobre a amizade e esa sororidade entre dúas rapazas que terán que pasar por momentos moi duros; outro tema interesante é o da maternidade e a vida profesional; pero os grandes temas son a culpa e tamén a memoria de como lembramos as decisións que imos tomando.

A modo de conclusión gustaríame recomendar a lectura desta gran novela que é A culpade María Solar (Xerais), sen ningunha dúbida un dos mellores libros que lin neste 2023. Un libro que gocei moito, especialmente toda a parte de Mirta e Marcela en Arxentina, ademais dese final no que os lectores chegamos a entender esta historia tan marabillosa e tamén adictiva que fai que cada día queiras ler un pouco máis.

Deja un comentario