Archivo de la etiqueta: Vigo

Recensión: Ollos de auga de Domingo Villar

Hoxe quero falar sobre unha novela dun escritor galego que lin recentemente, e que poderiamos encadrar como unha novela negra na que o noso protagonista é un inspector da policía, a novela titúlase “Ollos de auga” e está asinada polo vigués Domingo Villar e publicada pola Editorial Galaxia.

Pero antes de falar da novela gustaríame comentar como descubrín a Villar e a súa obra. Lémbroo perfectamente, todo aconteceu no ano 2009, naquela época eu descubrín os encantos da radio, e pronto me fixen seguidor de Asuntos Propios que era un programa tipo magacín que emitían cada tarde na emisora de Radio Nacional, tratábase dun espazo no que trataban diversos temas e tiñan varios colaboradores, obviamente, un deles era Domingo Villar. Grazas a este programa descubrín a Stieg Larsson, Henning Mankell e tamén a faceta literaria de Domingo Villar.

Volvendo a “Ollos de auga”, dicir que nesta novela atoparémonos cun caso de asasinato co inspector da policía de Vigo, Leo Caldas, quen terá que tentar resolver a pesar das poucas pistas que puideron ser reunidas polos expertos; pero coa axuda de Rafael Estévez e a intuición de Caldas irán atopando fíos dos que tirar ata resolver este misterioso caso.

Neste debut literario de Villar a cidade de Vigo converterse nun protagonista máis da historia. O comezo da mesma somos transportados a Illa de Toralla, pero logo iremos percorrendo varias partes da cidade e os seus arredores, algo que axuda ó autor para situar a súa novela e ó lector para desviar un pouco a atención de todos os pormenores do caso.

Outro aspecto a resaltar son eses momentos máis relaxados nos que tamén podemos atopar trazas dese sentido do humor tan presente nas novelas do xénero policíaco. Un exemplo sería o axudante Estévez, quen a pesar de ter boas ideas adoita deixarse levar polos seus impulsos e perde rápidamente o control da situación, algo que dificilmente lle podería ocorrer a Leo Caldas. Ademáis de todo o tema de Caldas como colaborador nun programa de radio no que a xente pode chamar para facerlle consultas, unha especie de cura de humildade para o noso protagonista na que sempre termina perdendo na súa batalla persoal coa policía municipal.

A modo de conclusión, “Ollos de auga” é unha novela de xénero moi interesante, da que poderiamos dicir que é fácil de ler, na que atoparemos personaxes moi reais, e ademáis ten unha trama moi ben construída cun par de xiros que non están nada mal.