Archivo de la etiqueta: Umberto Eco

Recensión: O nome da Rosa de Umberto Eco

Hoxe quero comentar un libro que, como a moitos lectores, facíame moita ilusión poder lelo; pero neste caso o que me afastaba de poder facelo antes non era unha falta de ganas pola miña parte, senón o ás veces complicado feito de atopar esa edición desexada, refírome a esa edición que igualase a grandeza dunha historia tan querida polos lectores como o é esta obra asinada por Umberto Eco en «O nome da rosa«, é por iso que penso que é un motivo de auténtica ledicia o poder ler en galego esta magnífica novela que foi traducida por Maite Jiménez Pérez, e que conta cunha edición moi coidada nos detalles realizada por Aira Editorial.

A miña primeira aproximación á novela de Eco foi grazas á película de Jean-Jacques Annaud, e que estaba protagonizada por dous grandes actores como Sean Connery e F. Murray Abraham, dela teño que dicir que non gardo moitos recordos xa que foi unha película que nos puxeron unha vez no instituto, o que si que recordo é que ese misterio naquela abadía italiana era moi interesante.

Pero sendo xustos habemos de dicir que a novela de Umberto Eco é tanto maior como mellor en comparación coa súa adaptación cinematográfica, é certo que agora a coñecemos como un deses clásicos modernos da literatura universal, pero non habemos de esquecer que esta obra foi merecedora do Premio Strega no ano 1981, aínda que podemos afirmar que o seu maior éxito é o de conseguir enfeitizar aos lectores co paso dos anos.

Aínda que considero que a trama de «O nome da rosa» é bastante coñecida, paréceme que pode ser interesante tratar de resumir nun par de liñas o que nos imos a atopar nesta novela na que se narran as investigacións detectivescas que realiza o frade franciscano Guillerme de Baskerville para esclarecer os crimes cometidos nunha abadía benedictina no ano 1327, e para iso contará coa axuda do novicio Adso, que é o noso narrador.

Se nos paramos a pensar podemos tratar de definir cales son as calidades que xustifican o éxito desta obra, empezando por personaxes memorables como Guillerme ou Jorge de Burgos; pero nunha novela coral como esta o gran acerto de Eco está no proceso de individuación dos personaxes e que desta forma cada un dos monxes da abadía fale con voz propia e sexa recoñecible polos lectores. Pero tampouco podemos negar que «O nome da rosa» é unha novela de xénero, que ademais de cumprir as normas e convencións das novelas de detectives, pode presumir de ter unha linguaxe rica e elevada, diálogos moi enxeñosos e interesantes á hora de facer avanzar a acción, un gran desenvolvemento tanto temático como de personaxes, o que lle da unha profundidade máis próxima á literatura de calidade que aos bestsellers.

Para finalizar, gustaríame moito recomendar esta nova edición de «O nome da rosa» de Umberto Eco na edición de Aira Editorial, porque de verdade que me parece que os bos libros merécense tanto bos lectores como boas edicións. Comentouse moito o feito de que se considere a Guillerme de Baskerville como unha especie de trasunto de Sherlock Holmes e Adso no papel de Watson narrando a historia, así que esta é unha novela que todo amante das obras de Arthur Conan Doyle non pode deixar escapar. En definitiva, este é un libro moi recomendable que seguiremos lendo e volvendo a ler.

Anuncio publicitario