Archivo de la etiqueta: Sibila

Recensión: Sibila de Rosa Aneiros

Gustaríame dedicarlle unha entrada a un libro que gocei desde as primeiras páxinas e ata as últimas liñas, titúlase “Sibila”, a súa autora é Rosa Aneiros, e é un dos grandes lanzamentos de narrativa da Editorial Xerais nesta primeira metade de ano. Desta novela gustaríame dicir que me parece unha proposta moi interesante e orixinal, onde nos atopamos con que o último dos capítulos que ilustran esta historia atópase ao principio do libro, e desta forma créase unha atmosfera de suspense, que irá espertando a curiosidade dos lectores con apenas un par de páxinas lidas, e en certa maneira podemos dicir que se trata dunha historia ou novela que che atrapa desde as primeiras páxinas.

O argumento desta novela poderíase resumir en que Sibila, a nosa protagonista, ten un plan secreto e un pasado misterioso relacionado coa illa na que se criou, un lugar que a súa familia abandonou en busca dun futuro mellor na cidade. Nesta illa só poden vivir as persoas propietarias, xa que é un lugar protexido cunha serie de normas moi estritas e un lugar onde reinan os segredos e as intrigas.

Aínda que Sibila é a gran protagonista sobre a cal se constrúe a novela, iremos coñecendo a varios dos veciños da illa e eses sucesos que marcaron a súa vida, por exemplo a traxedia de Amelia. E tamén coñeceremos a Pedro, outro dos protagonistas desta novela, pero cun papel máis pequeno e aparicións puntuais, tratase dunha persoa relacionada con Sibila, a quen coñece dende hai bastantes anos, a pesar de que xa pasaron anos desde a última vez que se viron, a relación é bastante intensa.

Sibila” é unha novela de corte intimista, onde se reflexiona acerca de moitos temas como pode ser o paso do tempo e envellecer, a memoria e os recordos, a conservación da natureza e esas últimas comunidades rurais, a maternidade, a identidade e a familia… Pero tamén é certo que esta é unha obra onde as descricións da paisaxe, do clima, e da natureza están moi presentes, e un sente que pertence a esa illa desde o momento en que Sibila se bota ao mar para alcanzar as súas costas.

Para concluír gustaríame recomendar a lectura desta gran novela que leva por título “Sibila” e que asina con brillantez Rosa Aneiros, unha novela moi literaria, cunha linguaxe que poderiamos definir como “poética”, e con escenas cunha poderosa carga emotiva, por exemplo a que podemos atopar no capítulo corenta e sete, o monólogo de Eleuterio, e que pode resumir á perfección esa forma tan elaborada que ten a autora á hora de narrar as súas historias. Esta foi a miña primeira aproximación á obra de Rosa Aneiros, pero estou convencido de que non será o último que lea desta autora que tanto me sorprendeu.