Archivo de la etiqueta: Novela negra

Recensión: Unha presa de terra de Marilar de marilar Aleixandre

Que pode haber máis especial para un libro que ter unha segunda vida, unha nova oportunidade de volver aos andeis das librarías, e unha nova oportunidade de conectar cos lectores. Isto é o que ocorreu coa reedición de “Unha presa de terra” que o pasado mes de abril publicaba Baía edicions. Cabe destacar que esta novela que asina Marilar Aleixandre gañou en 2001 a primeira edición do Premio Novela por Entregas do xornal La Voz de Galicia. Esta é unha novela de misterio que comeza cun cadáver no ascensor, e na que coñeceremos a detective Ana Candeán.

Como a asasinada era vítima de violencia machista por parte da súa parella, os malos tratos así como as relacións tóxicas e posesivas son un tema moi presento no libro. Isto está representado polo personaxe do marido da vítima, un home atractivo que causa bastante interese nas mulleres pero que resulta ser moi posesivo e violento. Un tema que tamén se aborda nun conto que aparece dentro do libro “o conto dá muller brava”, no que un home casa cunha muller de boa familia pero que ten un carácter forte e independente.

Esta é unha historia que tamén pode lerse como un comentario sobre o sexismo e machismo na sociedade. Iso vémolo nos comentarios dos veciños, que reflicten moi ben o sexismo xeral que hai en todas partes. Nun primeiro momento xúlgase á vítima, porque traballaba de camareira nun bar de copas, e tamén pola súa forma de vestir, como responsabilizándoa do que lle terminou acontecendo. Ademais do silencio xeral cara aos malos tratos.

En definitiva, estamos a falar dun libro moi recomendable e unha lectura moi necesaria para a nosa sociedade, e é por iso que quero recomendar a lectura de Unha presa de terra” de Marilar Aleixandre, e que rescata Baía edicions, porque paréceme que trata temas sobre os que merecen a pena reflexionar, ademais de ofrecer unha historia con moitas caras na que atopamos unha investigación policial típica da novela negra que fará as delicias de todas as persoas que aprecian este xénero literario.

Recensión: A vida secreta de Úrsula Bas

Hoxe teño moitas ganas de falar de “A vida secreta de Úrsula Bas” de Arantza Portabales, unha novela que publicou Editorial Galaxia o pasado día 6 de Maio, e que eu rematei de ler a semana pasada. Nesta primeira aproximación á obra narrativa de Portabales atopeime cunha novela adictiva, áxil e sinxela de ler, e con moitos xiros e cliffhangers que funcionan moi ben.

Esta é unha novela na que vivimos un caso policíaco que ten como protagonista á popular escritora Úrsula B., quen se atopa secuestrada e retida contra a súa vontade por un acosador; neste caso que investigan o inspector Santi Abad e a subinspectora Ana Barroso todos parecen culpables, pero unha serie de pistas farán que os nosos queridos policías se atopen ante unha investigación apaixonante por descubrir non só ao culpable senón tamén por tratar de comprender como foi que Úrsula terminou nesta situación.

A pesar de que “A vida secreta de Úrsula Bas” é unha novela de xénero, xénero policial ou novela negra, debemos destacar que se tratan problemas da vida real e que están presentes na nosa sociedade, como pode ser a preocupación pola pouca intimidade que ofrece o mundo dixital, algo que vemos co personaxe de Úrsula, quen sabía que a estaban a vixiar, pero aínda así decidiu entrar no xogo do acosador. Ou o machismo que aínda está presente na contorna dunha comisaría, con policías que pensan que teñen que protexer as súas compañeiras.

Outra cousa que me gustaría mencionar é que a pesar de que Abad e Barroso son dous personaxes moi carismáticos que reciben moita atención por parte do lector, esta é unha novela bastante coral, construída con varios puntos de vista que imos coñecendo nos diferentes capítulos, e mesmo podemos ser testemuña da mente do culpable, con varios capítulos moi intensos baixo a súa narración. E isto é algo que tamén está presente no final, un final que se pode entender como unha homenaxe aos personaxes que aparecen nesta novela, vendo na miña primeira persoa como estes personaxes que nos acompañaron durante máis de catrocentas páxinas viviron o desenlace da historia creada por Arantza Portabales.

Como dicía anteriormente, Abad e Barroso son dous personaxes que funcionan moi ben, trátase dun equipo de policías cunha relación moi estreita, con todo o que iso implica. Pero tamén é innegable que son eles os que lle dan, de cando en vez, un toque de humor á novela cuns diálogos moi divertidos. Ademais non podemos deixar de mencionar que é a través de Abad e Barroso que coñecemos a dinámica dunha investigación policial, con todos os procedementos da mesma, os informes dos forenses, os “conflitos” entre diferentes comisarías, e esas investigacións nas que non se poden fiar de ninguén.

E para terminar gustaríame dicir que “A vida secreta de Úrsula Bas” de Arantza Portabales é unha historia marabillosa e que de verdade merece moito a pena, unha novela que é moi entretida e atrapa ao lector desde os primeiros capítulos, uns capítulos que ao ser bastante breves fan que o lector sempre desexe ler un máis. Pero persoalmente teño que dicir que o capítulo que máis me gustou é un dos últimos, o 102 “A verdade”, pero non por supoñer a culminación do caso, que é algo que ocorre no capítulo anterior, senón pola forza dos sentimentos neste capítulo descritos, un capítulo breve pero con moito significado para a historia que nos quere facer chegar a autora. Así que xa sabedes esta é unha das novelas máis recomendadas para ler agora que se achega o verán.