Archivo de la etiqueta: Literatura en galego

Recensión: A historia do bondadoso vello e da fermosa moza de Italo Svevo

Máis información na web de Hugin e Munin

Hoxe quero dedicarlle unha entrada a un libro que me sorprendeu moi gratamente, tanto pola historia que nas súas páxinas nárrase, como por ese estilo sinxelo e directo que non ignora as reflexións profundas sobre grandes temas. O libro en cuestión titúlase “A historia do bondadoso vello e da fermosa moza” e o seu autor é o escritor italiano, nacido en Trieste, Italo Svevo, e que se pode atopar publicado por Hugin e Munin con tradución de Isabel Soto.

A pesar de que co título desta obra podemos deducir cal pode ser o seu argumento, paréceme que non debemos quedarnos co feito de que Svevo quería escribir acerca dun señor de idade avanzada, e boa posición tanto social como económica, que tenta seducir a unha rapariga humilde e aparentemente inxenua. Debemos mirar máis aló do argumento e centrarnos en comprender os temas presentes neste relato, temas como a vellez, as relacións entre persoas de distintas idades, a culpa e a vergoña, ou a perda dos valores.

Como dicía anteriormente, gustoume moito o estilo de Svevo á hora de construír unha narración, que funciona moi ben como unha especie de confesión que o noso narrador vai facendo acerca da vida do vello, e sen deixar de abordar eses temas que o autor necesitaba expresar e sobre os que os lectores terán tempo de reflexionar unha vez concluída a lectura, pois de verdade estamos a falar dunha desas obras que un non abandona tras ler a última páxina e que dan lugar a moitos pensamentos.

E para concluír con esta recensión, gustaríame moito recomendar a lectura de A historia do bondadoso vello e da fermosa mozade Italo Svevo, e que grazas a Isabel Soto podemos ler agora en Gallego cunha coidada edición de Hugin e Munin. Esta é unha historia breve que perfectamente podería lerse nunha tarde, porque verdadeiramente atrapa ao lector desde o principio e ata ese final tan marabilloso e cheo de significado; pero que na miña opinión é moito mellor lela con calma e facendo o exercicio de dedicarlle uns minutos para deternos a pensar no que lemos porque certamente esta é unha historia máis grande do que parece.