Archivo de la etiqueta: Contos

Recensión: Queres facer o favor de calar, por favor? de Raymond Carver

Máis información na web de Rinoceronte Editora

Hoxe quero falar dun libro de relatos que nos descobren a un gran autor e que agora podemos ler en galego grazas á tradución de Moisés Barcia para Rinoceronte Editora, estou a falar de “Queres facer o favor de calar, por favor?” de Raymond Carver.

Carver, un dos mellores contistas do pasado século, e un dos grandes nomes das letras en Estados Unidos, é un deses escritores que segue estando presente por tratar temas que son temas correntes, e que o de Oregon converte en alta literatura pero no pequeno formato dos contos.

Chámame poderosamente a atención o ben que se le este libro, no que nos imos a atopar con máis de vinte relatos curtos que reflicten un instante da vida, e paréceme que o segredo está en que todos os textos que forman parte deste “Queres facer o favor de calar, por favor?” manteñen un mesmo nivel, e non hai ningún relato que destaque por encima do resto.

Sen querer destripar estes relatos e arruinar a experiencia lectora a futuros lectores, porque certamente merece moito a pena ir lendo aos poucos este libro. Gustaríame dicir que lembro que un trataba sobre unha parella que sente o desexo de irse a vivir ao campo, pero de súpeto o protagonista masculino dáse conta de que cometeron un erro ao mudarse; ou unha historia na que un matrimonio vese envolto nun proceso de embargo e teñen que tratar de vender o seu coche canto antes; ou aquela perturbadora equivocación telefónica que experimenta Arnold cando recibe unha chamada de Clara Holt; ou algúns protagonizados por nenos ou adolescentes, como aquel mozo que engana á súa nai para non ir ao colexio e así poder escaparse para ir pescar.

Mención especial merécese o último dos relatos que pechan este libro, ademais trátase do relato que dá título ao libro, refírome a “Queres facer o favor de calar, por favor?”, un relato que non debemos de pensar que é o mellor dos que aquí se reúnen, pero si que se trata do máis extenso; e nel atopámonos con esta parella de profesores que casaron novos, e permaneceron toda a súa vida xuntos, pero un día Ralph obsesiónase coa idea de que a súa muller foille infiel. Este é un relato no que está presente o monólogo interior, que nos serve para meternos na cabeza de Ralph, e está dominado pola atmosfera creada polo autor e que pon ao lector en tensión desde as primeiras páxinas.

Para terminar, gustaríame recomendar a lectura de “Queres facer o favor de calar, por favor?” de Raymond Carver (Rinoceronte Editora), un libro que pode funcionar moi ben como tarxeta de presentación deste autor que segue atraendo lectores aos seus libros, e isto é grazas a que a súa obra resistiu moi ben o paso do tempo. Persoalmente, teño que confesar que quedeime con gañas de seguir lendo máis relatos de Carver, un autor que sen ningunha dúbida entrou no meu Top de contistas favoritos, e do que espero poder ler máis libros no futuro.

Recensión: Algúns contos completos de Domingo Villar

Maís información na web da Editorial Galaxia

Reencontrarse con Domingo Villar sempre é unha gran experiencia lectora, pero descubrir esta faceta de contista con “Algúns contos completos” (Editorial Galaxia, 8 de setembro) é unha das sorpresas desta rentrée literaria; digo que me parece unha sorpresa porque a pesar de que algúns destes relatos xa apareceran anteriormente na prensa, todos pensamos en Villar como un dos grandes novelistas dos últimos quince anos.

En “Algúns contos completos” imos atoparnos cun home de setenta e tres anos que recolle un meteorito caído do ceo, unha muller moldava que chega a Fisterra tras vivir un suceso dolorso, un pianista de jazz, unha serea que conquista a un mariñeiro francés, ou a musa duns pintores alemáns; noutras palabras, historias que nacen dunha imaxinación desbordante e cun toque de humor exquisito, contos que foron concibidos para escoitar despois dunha cea con amigos.

Tamén hai que poñer o foco na coidada edición de Galaxia, un libro en gran formato para apreciar a perfección os linogravados de Carlos Baonza, ilustracións que acompañan ao texto e ás que debemos dedicar un par de minutos para gozar en toda a súa plenitude.

Esta son historias que teñen un vínculo moi forte con Galicia, e isto é algo que vemos en todo o libro, empezando coa presenza do océano atlántico que atoparemos en varios relatos, ou esas historias máis máxicas que tan presentes están na nosa tradición, ou tamén aquelas persoas que marcharon á emigración.

Finalmente, quero recomendar “Algúns contos completos” de Domingo Villar, porque é moi fácil conectar coa proposta narrativa de Villar e coa proposta artística de Baonza. Un comeza a ler e deseguido transpórtase a eses escenarios tan ben construídos onde coñeceremos a eses personaxes tan fascinantes. É por iso que me parece que este é o libro perfecto para todos eses lectores e lectoras que teñen máis reparos á hora de achegarse aos libros de contos. Este é un libro que se pode ler perfectamente durante o fin de semana, pero tamén é certo que o rematar a primeira lectura, un sabe que volverá a recrearse e gozar destes contos tan marabillosos.