Archivo de la etiqueta: cítricos

Recensión: O país onde medran os limoeiros

Máis información na web de Rinoceronte Editora

Comezar un libro sen saber o que vas a atopar nas súas páxinas, pero sendo sabedor de que o vas a gozar dende o principio ata o final, é unha desas sensacións especiais que os bos libros deixan nos lectores, e isto foi o que me aconteceu con este libro titulado “O país onde medran os limoeiros” e que asina como autora a británica Helena Attlee.

Sendo sincero teño que dicir que cun título como “O país onde medran os limoeiros” é bastante doado saber o que nos imos atopar nas súas páxinas, pero tamén teño que dicir que ese estilo de narración de Attlee convérteo nunha lectura moi amena e relaxada na que un viaxará por todas esas rexións italianas sen saír de casa á vez que aprende máis cousas interesantes sobre os cítricos e a súa historia no país transalpino.

Neste libro de non-ficción que podemos ler en galego gracias á tradución de Moisés Barcia, cóntasenos esas viaxes de Helena Attlee a Italia como especialista na riqueza dos seus xardíns. E foi na súa primeira viaxe a Italia, cando Attle descubriu todos eses limóns e laranxas en cada recuncho, así foi aprendendo as súas diferentes variedades e os froitos máis curiosos e descoñecidos.

Unha historia que está estreitamente ligada coa familia Medici na conservación destas froitas en Florencia. Mergullándose na historia, menciónase o “Hesperides” de Ferrari, que é un libro que recolle unha clasificación taxonómica de cítricos, con información como o nome da froita, a orixe, o nome e aspecto da árbore, así como o aspecto das súas follas, flores e froitos. Ademais de recompilar información do uso do froito, a propagación e cultivo das árbores, e as enfermidades e posibles curas para estas árbores produtoras. Toda esta información acompañada duns debuxos impresionantes.

Poderiamos dicir que a autora dedica unha boa parte do libro as froitas máis coñecidas como poden ser a laranxa e o limón. Mencionado os usos das laranxas na cociña, especialmente a laranxa agre, e tamén coméntase como primeiro os portugueses, dende a India e logo dende China, introducen a variedade doce da laranxa no país, unha variedade que irá gañando en popularidade; aínda que en Italia a laranxa agre é moi común en diferentes pratos da súa gastronomía.

Unha orixe común para os limóns e as laranxas, provenientes de China, e que chegaron co pobo árabe a través do roteiro da seda. Chamoume a atención as conexións entre a Cosa nostra e o comercio transoceánico, de limóns e laranxas, camiño dos Estados Unidos durante a época da reunificación de Italia. Tamén mencionar a società e os limóns de Garda, onde son grandes produtores, pero que por culpa de diferentes acontecementos sufriron unha diminución na produción, e é que a enfermidade das plantas, e a chegada da primeira Guerra Mundial perdérono todo. Pero persoas como Giuseppe Gandossi están a facer un esforzo por recuperar o auténtico limón da Garda.

Outro dos nosos destinos será a rexión de Calabria, para coñecer o cultivo de Bergamota, destinado para a extracción do seu aceite con fins industriais e aplicación no mundo dos perfumes, e tamén á hora de preparar unha variedade de té como é o té Earl Grey. Novamente somos testemuñas de como unha serie de desastres afectan á produción, neste caso prexudicando a imaxe da opinión pública acerca deste produto. Este ouro verde que ten un proceso de extracción lento, e do que por cen kilos de froita fresca obtense só cincocentos gramos de aceite esencial, ademais a bergamota da un zume rico en antioxidantes, e as suas cáscas secas poden usarse como combustible para o inverno.

Para finalizar recóllese a historia de como foron chegando os diferentes cítricos a Italia, empezando con Alejandro Magno e as primeiras cidreiras procedentes dá India, así como o importante papael do pobo xudeu na difusión desta froita por toda Europa, especialmente no caso do Reino de Calabria, onde se da unha relación comercial ente os productores italianos e os rabinos (Lubavitch), porque estos últimos están interesados nun esrog perfecto (a froita dunha árbore non enxertado) para empregar durante o Sucot. A pesar de que a cidra tamén se emprega para facer froita cofitada, e como ocorre con outros cítricos italianos, a súa produción minguou moito nas últimas décadas, pero Helena Attlee sempre atopa unha persoa que simboliza esa última resistencia, e que tenta manter o cultivo desta froita nunha rexión na que poderiamos dicir que xa é parte da súa historia.

A modo de conclusión gustaríame dicir que o que máis me gustou deste libro é que nel atopamos anécdotas en primeira persoa, que nos fan ser protagonistas de todas as investigacións e descubrimentos que vai facendo a autora. “O país onde medran os limoeiros” é un libro moi recomendable para todas esas persoas que queiran coñecer outra cara dun país tan querido como é Italia.