Archivo de la etiqueta: As palabras ingrávidas

Recensión: As palabras ingrávidas de Luísa Villalta

Máis información no Portal da Lingua Galega

Como non podía ser doutra maneira a última entrada do ano está dedicada a un libro especial, talvez ao máis especial de todos, trátase de “As palabras ingrávidas” de Luísa Villalta, un libro que viu a luz o pasado mes de novembro e que publicou o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en colaboración coa Xunta.

Digo que este é un libro especial por varios motivos, empezando porque se trata dunha obra inédita na que Villalta estaba inmersa no ano 2004; e segundo polo seu formato, que recrea un antigo almanaque poético de Assíro & Alvim, que contén varios versos aos que a autora lles dá unha nova vida engadindo poemas propios.

Debemos destacar o coidado e agarimo posto nesta obra, que vén nun estoxo de cartón verde onde atopamos unha réplica deste almanaque poético, e ademais inclúese unha transcrición completa dos textos manuscritos que atoparemos nas últimas páxinas. Ademais de poder gozar dunha marabillosa introdución sobre a vida e obra de Luísa Villalta a cargo de Armando Requeixo (investigador, profesor e crítico literario).

Paréceme que este libro pode ser moi interesante, especialmente para tentar comprender como funciona o proceso creativo dunha persoa que, como Luísa Villalta, tanto contribuíu á cultura. Un exercicio tan interesante como este diálogo poético fainos pensar que só o traballo continuo, día a día, é a clave á hora de completar unha obra literaria.

No persoal, esta foi a miña primeira aproximación á obra da autora nada na Coruña, unha primeira entrega do que será a Biblioteca Luísa Villalta, e que me permitiu descubrir os versos dun dos grandes nomes das nosas letras, e é por iso que recomendo a lectura de “As palabras ingrávidas” de Luísa Villalta. Tamén quero aproveitar para comentar cales foron os poemas que máis me gustaron, estes serían as entradas correspondentes aos días nove e dez de febreiro, sendo este último o poema que dá título ao libro.

Anuncio publicitario