Archivo de la etiqueta: Antía Yáñez

Recensión: Entre donas

Poucas son as veces que ao contemplar a cuberta dun libro penso que teño que ler ese libro, pero foi iso exactamente o que me ocorreu con esta colección de relatos publicado por Baía Edicións; e teño que dicir que non foi polo deseño das tapas, o que me chamou a atención foi o nome de todas as autoras que participaron nesta obra, e é que podería dicirse que estamos ante un All-Star da literatura galega, onde destacan nomes como os de Marilar Aleixandre, Marica Campo, Teresa Mouse, María Reimóndez ou Eli Ríos.

Entre donas” é unha colección que reúne dez relatos asinados por autoras que representan diferentes épocas da narrativa producida en Galicia, e ademais todos estes relatos comparten o feito de ter protagonistas femininas, pero tamen temos que destacar o feito de que neste libro tamén podemos apreciar ese sentimento de denuncia contra o machismo que tan presente está na nosa sociedade.

Teño que empezar dicindo que do primeiro relato que atopamos neste “Entre donas”, o que leva por “Lá Marion” e firma Marilar Aleixandre, impresionoume a potencia das imaxes que propón a autora, imaxes que reflicten todo o horror da violencia contra as mulleres, é ademáis o reflexo da nosa sociedade. Algo similar ocurriume con “O silencio dos pinceis” de Inma López Silva, un letura que teño que dicir que foi algo incomoda, xa que esta é unha historia que é bastante dura, pero que na súa narración en primeira persoa consegue amplificar ese efecto perturbador e inquietante.

Pero tamén encontramos historias cunha carga sentimental que conseguen emocionar os lectores, por exemplo “Xirarei” de María Reimóndez, un relato no que temos a duas mozas e amantes dos videoxogos e da programación, Reis e Remi, sendo Reis a que leva o peso de historia, e que gaña moito unha vez que coñecemos a Baia, a muller que atendía a cada dos pais de Reis cando era pequena. A de Reimondez é una historia na que nos amosa esa amizade pura que xorde entre estas dúas mulleres, que realmente non teñen nada en común pero que tantas cousas compartiron. E poderiamos dicir que é unha historia que comparte ese sentimento coa a de Anxos Sumai na que atopamos a unha muller rural que cuida dunha nai enferma e un pai ancián, nela describese a perfección esa soidade da coidadora que padecen tantas mulleres.

E tamen atopamos unha serie de relatos onde o tema dos segredos é moi importante, como pode verse en “Ese lunar” de Emma Pedreira, onde temos unha historia dentro dunha historia, con dúas autoras que están a crear unha historia con protagonista feminina, Reanata, a filla duns Indianos retornados que goza dunha gran fortuna, e que por medio das súas decisións verá a súa vida transformada por completo nunha deriva de perversión. Algo similar ocorre en “A revolución do querer” relato que firma Eli Ríos, historia na que Carola e Xela levan un bar xuntas, podemos dicir que é un bar de mulleres, onde cada maña unha gata entra, é a gata da veciña María, María é unha señora de noventa e catro anos que garda un segredo que tanto as protagonistas da historia como os lectores descubriran o final da mesma. E finalmente atopamos máis segredos no relato de Antía Yáñez, “Fillas”, unha historia de segredos, no que se nos amosa o contraste da vida das peroas con máis recursos ante as persoas que teñen que facer todo o posible para poder darlle unha vida aos seus fillos, nun relato con toques sociais.

E non me quero esquecer do relato de Rosalía Fernández Rial, ese tercer relato que leva por título “Ei, chico!”, no que se conta a historia dun primeiro amor de mocidade, que ademais é un amor a distancia, que é sostido polo intercambio de correspondencia. Trátase dunha relación chea de dificultades na que a distancia e o tempo fan que os recordos sexan confusos, e ademaís unha das dúas persoas implicadas nesta relación garda un segredo. Ademais a cidade de Santiago tamen é protagonista, e destacar tanto as moi boas descricións, como as referencias culturais presentes no relato.

A modo de conclusión teño que dicir que me parece que “Entre Donas” é unha colección moi necesaria, na que se tratan temas importantes e de actualidade. Na miña opinión, estes relatos axudáronme a descubrir novas voces de autoras das que nunca lera nada, e aínda que hai relatos que a un lle poidan gustar máis que outros, teño que dicir que o nivel xeral é realmente alto, en definitiva un libro moi recomendable.