Archivo de la etiqueta: Alicia Fernández

Recensión: Mamá pelicano de Alicia Fernández

Máis información no Facebook de Edicións Espiral Maior

Hoxe apetéceme moito compartir as miñas impresións sobre o último libro de poesía que lin, un libro que descubrín grazas ao programa da Radio Galega Diario Cultural na sección de propostas poéticas que ten Alba Cid, este poemario leva por título “Mamá pelicano” (2020), e asínao Alicia Fernández e está editado en Edicións Espiral Maior.

Ademais debemos comentar que “Mamá pelicano” foi distinguido co XIX Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño do concello de Sarria, e segundo puiden comprobar na prensa impúxose nun certame poético con gran número de participantes e case sesenta obras presentadas.

Pero deixando os premios a un lado creo que debemos de poñer especial atención a este libro, xa que se trata da segunda obra poética da autora tras publicar “Botar o mar polos ollos” no ano 2005. Estamos ante un libro que é moi especial, empezando co prólogo de Anxos Sumai, no que se nos conta cal foi o motor deste libro, e terminando cun poema como “Esta mañá” que é unha auténtica marabilla.

O que me gusta deste poemario é como xorden esas poderosas imaxes que o lector vai atopando coa lectura dos poemas; temos a unha nai ausente ou triste, que é unha nai que non está presente na vida dos seus fillos como ocorre en “Xa que nos deixas de estar triste,”. Mención especial para a avoa, quen está moi presente no poemario, e é unha figura recorrente como vemos en “Fixemos un ramallete”. E á vez a autora cóntanos en diversos poemas características e curiosidades sobre os pelícanos e outras aves mariñas, por exemplo en “Os pelicanos son lixeiros,”.

E como sempre aproveito este último parágrafo para recomendar a lectura de “Mamá pelícano” ( Edicións Espiral Maior, 2020) de Alicia Fernández, un libro que me sorprendeu gratamente, que trata temas reais sobre a vida, e onde a memoria e os recordos tamén están moi presentes.