Archivo de la etiqueta: A vida secreta de Úrsula Bas

Recensión: A vida secreta de Úrsula Bas

Hoxe teño moitas ganas de falar de “A vida secreta de Úrsula Bas” de Arantza Portabales, unha novela que publicou Editorial Galaxia o pasado día 6 de Maio, e que eu rematei de ler a semana pasada. Nesta primeira aproximación á obra narrativa de Portabales atopeime cunha novela adictiva, áxil e sinxela de ler, e con moitos xiros e cliffhangers que funcionan moi ben.

Esta é unha novela na que vivimos un caso policíaco que ten como protagonista á popular escritora Úrsula B., quen se atopa secuestrada e retida contra a súa vontade por un acosador; neste caso que investigan o inspector Santi Abad e a subinspectora Ana Barroso todos parecen culpables, pero unha serie de pistas farán que os nosos queridos policías se atopen ante unha investigación apaixonante por descubrir non só ao culpable senón tamén por tratar de comprender como foi que Úrsula terminou nesta situación.

A pesar de que “A vida secreta de Úrsula Bas” é unha novela de xénero, xénero policial ou novela negra, debemos destacar que se tratan problemas da vida real e que están presentes na nosa sociedade, como pode ser a preocupación pola pouca intimidade que ofrece o mundo dixital, algo que vemos co personaxe de Úrsula, quen sabía que a estaban a vixiar, pero aínda así decidiu entrar no xogo do acosador. Ou o machismo que aínda está presente na contorna dunha comisaría, con policías que pensan que teñen que protexer as súas compañeiras.

Outra cousa que me gustaría mencionar é que a pesar de que Abad e Barroso son dous personaxes moi carismáticos que reciben moita atención por parte do lector, esta é unha novela bastante coral, construída con varios puntos de vista que imos coñecendo nos diferentes capítulos, e mesmo podemos ser testemuña da mente do culpable, con varios capítulos moi intensos baixo a súa narración. E isto é algo que tamén está presente no final, un final que se pode entender como unha homenaxe aos personaxes que aparecen nesta novela, vendo na miña primeira persoa como estes personaxes que nos acompañaron durante máis de catrocentas páxinas viviron o desenlace da historia creada por Arantza Portabales.

Como dicía anteriormente, Abad e Barroso son dous personaxes que funcionan moi ben, trátase dun equipo de policías cunha relación moi estreita, con todo o que iso implica. Pero tamén é innegable que son eles os que lle dan, de cando en vez, un toque de humor á novela cuns diálogos moi divertidos. Ademais non podemos deixar de mencionar que é a través de Abad e Barroso que coñecemos a dinámica dunha investigación policial, con todos os procedementos da mesma, os informes dos forenses, os “conflitos” entre diferentes comisarías, e esas investigacións nas que non se poden fiar de ninguén.

E para terminar gustaríame dicir que “A vida secreta de Úrsula Bas” de Arantza Portabales é unha historia marabillosa e que de verdade merece moito a pena, unha novela que é moi entretida e atrapa ao lector desde os primeiros capítulos, uns capítulos que ao ser bastante breves fan que o lector sempre desexe ler un máis. Pero persoalmente teño que dicir que o capítulo que máis me gustou é un dos últimos, o 102 “A verdade”, pero non por supoñer a culminación do caso, que é algo que ocorre no capítulo anterior, senón pola forza dos sentimentos neste capítulo descritos, un capítulo breve pero con moito significado para a historia que nos quere facer chegar a autora. Así que xa sabedes esta é unha das novelas máis recomendadas para ler agora que se achega o verán.